13 abr. 2016

Pascua Xoven: "unha tatuaxe na pel"


Setembro do ano 2015… 

Chega aos grupos de orixe o seguinte reto: “ide pensando nos grupos o tema que vos gustaría tratar este curso na Pascua Xoven de Arousa”. Así comeza o noso camiño cada curso.

Entre todos escollemos a Misericordia. 

“No fondo, da igual cal sexa o tema elixido, porque poremos tódalas nosas forzas e oracións en profundizar o máis posible nel e que o noso ser vaia conectando cada día máis con Cristo... – dei en pensar – Pero este non está nada, nada mal”.

Naquel momento, inconsciente de min, non tiña nin idea do que ese amor, o Amor do Pai por nós, ía supor ao remate da XLIII Pascua Xoven de Arousa.

Pero como falar de algo que levas tan, tan dentro de ti, de algo que vai tatuado na pel...??

Ao redor dunha mesa e rodeados de amigos-familia é como nacen moitos dos mellores momentos da vida das persoas, e a Pascua para Golfiños ten moito que ver con esa mesa compartida, ese camiñar xuntos cheo de minutos bos e algúns que non o son tanto. Incertidumes, cansancios, moitas ganas de abandonalo barco en ocasións... Pero logo míralos a eles, a aqueles polos que seguimos loitando cada ano para que a Pascua Xoven continúe celebrándose, e o Espírito énchete, empúxate para continuar, para dar máis pasos, para poñer o mellor de ti en cada unha das reunións previas de setembro a abril.
 
Ao mellor debería escribir sobre a Pascua alguén que acabe de comezar e non lle deixara aínda unha pegada tan definitiva na pel e na súa fe, e o que eu vos poida dicir non ten nada que ver co que os mozos de quince ou dezaseis atopan alí; pero co paso do tempo, o que si podemos comprobar todos son as diferentes maneiras nas que se vai vivindo a Pascua Xoven en cada etapa da vida.

Esa inquietude por ter ese cancioneiro na man... Cheo de música, cheo de vida. As identificacións, que tantas e tantas risas provocan cando se perden...

Os retos que os demais grupos (sexan novos ou veteranos) che propoñen en cada unha das actividades... Momentos de xogos, de oración, de soidade, de comuñón, de familia e de abrazos.


Mira que nos damos abrazos na Pascua eh?? Igual por esa razón, o resto do ano non nos deixamos abrazar tanto...

Ese estar pendentes do tempo: se vai chover ou non... Montarémolas tendas ou non... Mollarémonos coma pitiños ou non... Estarán os pascueiros dispostos a enfrontalos retos de Deus para estes días... Todas son preguntas sen resposta o venres pola tarde. Pero logo, vaste dando conta de que o feito de que sexan capaces de abrir o seu corazón, a súa vida, e compartila diante de monitores aos que é a primeira vez que ven na súa vida, ou pascueiros que non saben nin como se chaman, non deixa de encherte de esperanza.
Que a celebración do perdón sexa a primeira ocasión, despois de anos sen achegarse a ese sacramento, na que se sintan coa liberdade de reconciliarse é impagable.
Que neste mundo cheo de ruídos, sexamos quen de atopar nestes días un oco de silencio para falar con Deus, para acompañalos, para collelos da man en momentos de debilidade (ou que eles te collan a ti!! Cantas veces pasa que é o mozo ou moza quen levanta do chan ao responsable...)... Miralos ben e percibir unha valentía case innata a hora de dicir sen ningún tipo de vergoña ou complexo: son cristián, creo en Deus e vós sodes os meus irmáns... Merece realmente a pena.

Falo dende a experiencia, pero tamén dende o cariño á Pascua Xoven. Nun mundo onde nos ofertan tantas e tantas actividades, tantos eventos e multitude de camiños para escoller, sigue existindo esta pequena comunidade na que moitos de nós fomos quen de sosternos, de madurar e de coller forzas...

E penso que o sentir de tódolos grupos, de cada un dos responsables, animadores, relixiosas e sacerdotes que puidemos convivir cos rapaces esta fin de semana, é a felicidade, a satisfacción polo traballo de todo o ano, e a esperanza nese Amor vivido e testemuñado esta pasada fin de semana celebrando que Cristo vive, que está nas nosas vidas e que para o Pai, “a persoa é o primeiro”.

Fátima (Golfiños)



0 comentarios: